A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza, a través da Secretaría Xeral de Cultura, unha nova edición de Nethinking. Por sexto ano consecutivo San Simón vaise a converter, o venres 27 e o sábado 28 de maio, nunha illa virtual. Algúns dos principais influencers, xornalistas, consultores e investigadores vinculados ao actual panorama da contorna dixital regresarán a este espazo único para debater sobre o pasado, o presente e o futuro dun mundo no que todos vivimos xa instalados pero que era case un descoñecido hai poucos anos.

Unhas sesións brillantes, con ideas e reflexións que xorden a velocidade de vertixe, e que as redes sociais replicarán para compartir eses momentos tan singulares en que algunhas das voces máis sólidas no virtual baixan ao máis terreal dos escenarios para practicar o máis analóxico que existe: sentar e falar. Ese é o encanto dun encontro que cada ano se comparte tamén a través de streaming, de forma que todas as persoas interesadas en explorar as posibilidades do mundo dixital poidan participar de maneira interactiva.

Vese que a fórmula funciona, dado que en edicións anteriores as sesións foron seguidas por streaming desde trinta países, con gran presenza e debate tamén en twitter. Na sexta edición espérase un novo éxito de participación internacional e, por parte do equipo de traballo, unha auténtica tormenta creativa da man dos veteranos desta comunidade e tamén das novas incorporacións que cada ano suman valor e calidade. Unha cita moi singular tanto polo marco, a illa de San Simón (Redondela-Pontevedra) como polo formato das sesións: abertas, colectivas, espontáneas e afastadas do sistema tradicional.

Respecto do equipo, aos membros da comunidade Nethinking uniranse novas voces, algunhas moi mediáticas como a de Marta Fernández, presentadora da primeira edición de Noticias Catro, con intensa actividade en redes e un exitoso debut literario no que toca, entre outras temáticas, a intelixencia artificial. Tamén se estrea neste foro Xosé Castro, tradutor, guionista, redactor e comunicador, que colabora en Atención, obras (TVE), Gente Despierta (RNE) e Likes (Movistar+). O xornalista e escritor Noel Ceballos únese a esta comunidade para enfocar o desafío dixital desde a súa experiencia como xornalista e experto, xa que acaba de publicar un ensaio sobre o impacto do universo dixital na vida cotiá. A poesía no século XXI tamén terá cabida nesta edición de Nethinking, grazas a Irene G. Punto, xornalista, profesora de escritura creativa e autora de varias obras de micropoesía, que ofrecerá un pequeno recital no transcurso do encontro.

Novas incorporacións de primeiro nivel que se unirán a expertos xa coñecidos polos numerosos seguidores de Nethinking como Eduardo Arcos, fundador de Hipertextual, a rede de medios dixitais máis importante de Latinoamérica; Antonio Delgado, xornalista especializado en innovación editorial e profesor de xornalismo de datos; Ismael El-Qudsi, experto en social media e mercadotecnia dixital; Juan Carlos Fernández Fasero, director de Zona Noroeste de SGAE ademais de físico, músico, compositor e produtor artístico, e outro músico polifacético como Julián Hernández, líder do mítico grupo Siniestro Total ademais de escritor, guionista e moi activo en redes sociais desde a súa incorporación á comunidade Nethinking.

Repiten tamén Pepo Jiménez, coñecido nas redes como Kurioso e creador de Memesis e iniciativas solidarias como La España Fantasma; así como outro pseudónimo con moita forza: Hematocrítico, ou o que é o mesmo, o mestre, autor de libros infantís e humorista en rede Miguel Ángel López. Tamén as polifacéticas xornalistas Raquel Martos, que é ademais guionista e escritora, e outro exemplo de profesional multimedia, Carmela Ríos, Premio Ortega y Gasset de Xornalismo Dixital e actualmente responsable de Redes Sociais do diario El Mundo. Como investigadores Nethinking conta con Joaquín Rodríguez, fundador de futurosdellibro.com e experto en educación na era dixital, e Mario Tascón, mestre da linguaxe en internet, e entre outras moitas actividades, director do Manual do español para internet, redes sociais e novos medios, da Fundéu.

Do mesmo xeito que o elenco de Nethinking, os temas a tratar van crecendo e evolucionando, tendo en conta o devir dunha revolución que hoxe está xa instalada nas nosas vidas e en todas as xeracións. “Sempre en movemento está o futuro”, que dicía o Mestre Yoda na famosa saga que, como outras películas, sae a relucir no programa deste ano para demostrar, unha vez máis, que ao final a realidade sempre supera a ficción. Big Data: a era dos datos masivos; Negocios: novos medios, mesmos fins; Internet das cousas: a hora dos prodixios; Atlas de anatomía virtual ou Contidos e formatos: o breve e o híbrido, son os suxestivos títulos dos paneis temáticos en que se dividirá a edición deste ano. Tanto por streaming como por redes sociais poderemos coñecer que pensan destas novas realidades algunhas das voces máis lúcidas do noso panorama dixital.