Documento de conclusións finais das sesións celebradas no transcurso do encontro #NeThinking2011, celebrado en San Simón, A Illa do Pensamento.

1ª Sesión de traballo: “Ata aquí chegamos”

  • DA COMUNICACIÓN LINEAL Á COMUNICACIÓN EN REDE

A fenda dixital: A comunicación en rede xerou duas “castes”: os que están dentro e os que non. Existen tres usuarios: o pasivo, o activo e o entusiasta, aos que hai que engadir os que se están a quedar fóra. Plantéxase a alfabetización dos cidadáns na linguaxe dixital, con diferentes opinións encontradas sobre a necesidade de establecer códigos de conducta.

  • A METAMORFOSE DO COMUNICADOR

Os contidos: ¿Información ou comunicación? Discútese sobre a obriga de xerar contidos de calidade ou a liberdade para utilizar a rede e en concreto as redes sociais con plena liberdade. Entra en xogo neste capítulo o debate recurrente sobre o rol do xornalista, o comunicador, o usuario e o receptor. Alúdese á necesidade de distinguir entre soporte, que é a ferramenta, e contido, que segue a ser moi importante independentemente da tecnoloxía.

Os perigos da inmediatez: Asúmese que os medios dixitais gañaron a batalla da inmediatez aos medios convencionais, pero hai que alertar do perigo da inmediatez, sobre todo cando estamos a falar da profesión xornalística, á hora de contrastar fontes e de xerar contidos de calidade.

  • O ROL SOCIAL DO COMUNICADOR

Durante este tramo do debate establécese un doble discurso: o que atinxe ao xornalista tradicional e á súa adaptación ao contorno web e o do usuario convertido en emisor que non ten por que estar obrigado a cumprir o código deontolóxico que obriga ao xornalista. Deféndese o rol do xornalista e o seu papel á hora de filtrar a información, independentemente do soporte.  Con respecto aos comunicadores, augúrase que se converterán en “marcas” e na medida en que o consigan terán maior ou menor valor para os medios.

2ª Sesión de traballo: “¿E agora que?”

  • OS MEDIOS CONVENCIONAIS E A REDe: ¿CONVIVENCIA OU FAGOCITACIÓN?

Indícase que os medios ao tratar de adaptarse ás novas tecnoloxías canibalizaron  as súas propias versións en soporte papel, e están nun proceso de metamorfose que non se sabe como, cando e con que resultado rematará.

Outro elemento para o debate: Coa eclosión das novas tecnoloxías os medios de comunicación vense na disxuntiva de reinventarse, mudar cara unha nova forma de exercer a súa función de comunicación social na que o investimento en I+D+i, é escasa e está mal orientada cara a tecnoloxía.

O temor ao fracaso a curto prazo e ao non cumprimento de obxectivos e expetativas atenúa o esforzo innovador de xeito que polo xeral, o único modo de superar as inercias dos grandes grupos mediáticos é a través da substitución de directivos por outros que veñan con novos enfoques.

  • A eclosión das tecnoloxías: ¿Acabaremos sendo escravos delas?

A clave está na monetización da creación, pois pese ao rexeitamento xeral ao pago de contidos, aqueles que outorguen un maior valor engadido terán unha maior viabilidade, valor engadido que se obtén por vías como a hiperlocalización ou o punto de vista especializado. En todo caso, estase a xerar un mercado da atención cun importante potencial, pois en todo caso as novas tecnoloxías da información e a comunicación facilitan o chegar a máis xente e que aparezan máis nichos de mercado viables en termos de rendibilidade.

Unha rendibilidade que só se obterá atendendo ás necesidades e demandas duns consumidores cada vez máis esixentes cunha oferta de información, ocio e entreteñemento cada vez máis rica que implicará que finalmente se poñan en valor os contidos de maior calidade e nos que en cualquera caso o pago non sempre será en termos monetarios, senón de tempo, datos personais ou atención.

Conclúsese que fai falla un diccionario que achegue á xente a linguaxe das novas tecnoloxías.

Os dereitos de autor e a propiedade intelectual: Outra cuestión fundamental de cara ao futuro será a revisión e actualización da aplicación dos dereitos de autor e propiedade  intelectual. Considérase que as novas tecnoloxías seguirán cada vez máis sendo unha fonte de negocios, pero os problemas da privacidade  deben estar en permanente vixilancia. Plantease tamén que o futuro necesariamente pasa por que sexan os usuarios os que elixen á carta os contidos, independentemente do soporte.

Como conclusión a este epígrafe: Como un bo viño, Internet é bo na súa xusta medida, e todo en exceso é, cando menos, arriscado. A tecnoloxía debe axudarnos a vivir mellor, non rematar condicionando a nosa vida.

  • A Saturación informativa: ¿Un valor ou unha amenaza?

Suxírese que hai un mundo paralelo virtual que se está a construír, un mundo que achega a cultura, aínda que falta formación, educación, modelos didácticos…verase unha internet de dúas velocidades como ten pasado con outras cuestións.

Así, o encontro remata como comezou, alertando sobre os perigos da internet de dúas velocidades na era da democratización informativa. A tan temida fenda dixital.

#