Documento de conclusións finais das sesións celebradas no transcurso do encontro #NeThinking2012, celebrado en San Simón, a Illa do Pensamento, os días 7 e 8 de marzo de 2012.

  • SOFTWARE

Pese aos indubidables efectos positivos da aparición e desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e a comunicación en fenómenos como a democratización da comunicación ou a rotura do modelo tradicional de comunicación unidireccional do emisor ao receptor, aínda son moitos os retos aos que se enfronta o mundo dixital, tales como a redución da fenda dixital, non só en canto a acceso aos contidos senón de formación, ou a mingua da calidade dos contidos en favor da cantidade.

Co fin de evitar a fenda dixital e favorecer a inclusión social debe buscarse non só o acceso ao software para todos con fórmulas como a promoción do software libre, senón tamén a formación nos mesmos para que dita fenda se reduza realmente. É dicir, o desenvolvemento tecnolóxico só conduce cara a democratización na medida en que non só está accesible en termos de estar dispoñible senón de saber utilízalo. A formación é clave para que a democratización sexa real.

Hai un cambio en marcha. A nova sociedade que veña debe contar con persoas emprendedoras que marquen o camiño.

  • MODELOS DE NEGOCIO

Á hora de enfrontar a procura de novos modelos de negocio que permitan a consecución da rendibilidade esperada no ámbito dixital, a clave segue pasando por investir, como outrora, en calidade e diferenciación, co obxectivo de outorgar aos consumidores un valor engadido polo que estean dispostos a pagar, e rompa deste xeito o modelo do todo de balde que parece instalarse na actualidade.

No concernente aos dereitos de autor e a xeración de ingresos a través da rede, é en ocasións a falta dunha oferta adecuada de contidos a que dificulta que os usuarios estean dispostos a pagar polos mesmos. En todo caso resulta fundamental a definición de novos modelos de comercialización e distribución de produtos e contidos das industrias culturais que permitan o acceso aos mesmos sen minguar o potencial creativo dos autores e a compensación da súa propiedade intelectual.

  • CONTIDOS

Nun momento como o actual en que se pasou do tradicional problema da escaseza ao exceso de información é máis necesario que nunca o papel do xornalismo no seu cumprimento da función social de filtrar e facilitar a información aos usuarios, e na medida en que achega credibilidade e confianza ao demandante da devandita información a través do seu selo persoal e a súa propia marca por riba do que na actualidade poidan achegar as empresas informativas en se mesmas. Neste sentido resulta fundamental non esquecer a quen vai dirixida a información, quen son os verdadeiros donos da mesma e para quen se elabora.

Na actualidade a visibilidade é fundamental no ámbito dixital, pero iso non implica estar en todas partes ou cos mesmos contidos, senón que é fundamental un tratamento diferenciado e segmentado en función do perfil de público da rede social ou plataforma na que queira facilitar contidos ou transmitir información.

  • FIABILIDADE

A credibilidade resulta fundamental para o elaborador de contidos e a procura dunha inmediatez que parece condición asociada ao ámbito dixital, non debe impedir a contrastación da información e as fontes, pois o valor engadido da opinión complementaria tamén é fundamental.

O novo modelo de comunicación bidireccional en rede permite así mesmo un enriquecemento mutuo en que non só os seguidores obteñen algo, senón que tamén os emisores reciben un feedback fundamental que favorece a mellora de contidos.

  • FALANDO DE FUTURO

O futuro pasará porque todos teñamos unha identidade dixital?

Será posible ter vida fóra de internet?

O mellor de internet é que é imprevisible. O máis interesante é a actitude coa que nos enforntamos ao futuro. Estamos nun dos momentos máis apaixoantes na historia da humanidade. A revolución e o cambio están ocorrendo agora.

A revolución vai ir orientada ao cambio de mentalidade. O gran reto pendente segue a ser acabar coa fenda dixital. Hai que seguir loitando para que os usuarios teñan acceso á tecnoloxía e á formación necesaria.

Existen dúbidas de que a rede poida consolidar a súa neutralidade dado o seu poder de influencia e a liberdade de comunicación que reporta aos seus usuarios, o que fai tentador por parte dos gobernos un certo intervencionismo. No futuro debería velarse porque internet preserve a súa independencia e neutralidade para seguir sendo un canle de comunicación de todos e para todos.

#