Documento de conclusión finais das sesións celebradas no transcurso do encontro #NeThinking2014, celebrado en San Simón, a Illa do Pensamento.

  • NOVOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Unha reflexión sobre os novos e vellos medios de comunicación e as novas tendencias nos medios online. Nesta sesión tentamos sortear os tópicos sobre o xornalismo que abundan en moitas reunións. Non se falou da “idade de ouro do xornalismo” nin de que “o xornalismo non está en crise pero o modelo de negocio si”, tampouco se citou esa frase de “a culpa de todo é das empresas”. Xurdiron en cambio ideas innovadoras nas que os participantes estanse a fixar. Novos medios que aparecen en España, novas fórmulas xornalísticas que se aplican ao entretemento. Tamén se citaron os casos do brand content e o xornalismo de marca como fórmulas que dan emprego a moitos comunicadores mentres desaparecen en cambio postos de traballo nos medios convencionais. Os xornalistas como cabezas de novos experimentos e emprendementos tamén foi outro dos focos desa sesión. Os móbiles, o social, o xornalismo de algoritmos, o xornalismo de datos, as novas publicacións dixitais e a distribución en novas canles de contidos preparados especificamente aparecen como campos de interese. A escritura que durante anos parecía dedicarse a reclamar a atención de Google para que nos indexara e así conseguir lectores, aplícase agora de novo a captar lectores nas redes sociais. A creatividade parece seguir sendo o principal motor de novas ideas para acabar innovando o panorama mediático, que está a ser cada vez máis afectado por unha revolución social na que as persoas consomen información e entretemento de formas diferentes, o que modifica o tipo de contidos e o xeito de distribuílos. Advertíronse algúns perigos nas futuras lexislacións que poidan afectar á neutralidade de Internet, que debería manterse, ou á propiedade intelectual, cuxa proposta de lei polo que se viu ata agora non convence a ninguén.

  •  CREADOR VERSUS USUARIO

Distintas visións sobre os dereitos do creador e o usuario e un debate aberto sobre a Lei de Propiedade Intelectual. Todos somos creadores e autores pero non todos os lobbys ou partes implicadas constrúen as leis relativas á propiedade intelectual. A lexislación debe ir sempre por detrás da necesidade real dos usuarios e da tecnoloxía, penalizando a creación e o emprendemento. As autoridades hipotecan as novas normativas a modelos de negocios e industrias obsoletas e ás fronteiras físicas, esquecendo adaptar e unificar as lexislacións tal como require unha rede global. A pirataría é o resultado da falta destes modelos comerciais e a eficacia en combatela pasa máis pola creación de alternativas de consumo que pola persecución abusiva do suposto infractor. A sociedade de xestión dos dereitos dos artistas españois, SGAE, é un organismo que non funciona de maneira autónoma. A SGAE son os socios que votan e recadan polos dereitos das súas obras. Insistimos de novo na herdanza do todo de balde en Internet. É necesario concienciar á sociedade de que a creación non pode ser gratuíta. É necesario monetizar os contidos para garantir a súa distribución.

  • CREATIVIDADE E CONTIDOS

Unha posta en común sobre os usos das redes sociais e a adaptación aos distintos formatos. Coincidimos en que a participación de cada vez máis persoas nas redes sociais fai que estas sexan un termómetro de tendencias, algo que os publicistas usan activamente como feedback e espazo de experimentación. Pasamos do concepto da economía da atención ao da xestión das expectativas. No ámbito da produción de contidos para Internet aínda quédanos entender e xestionar as expectativas da audiencia. Os tempos acelerados das redes sociais teñen mudado mesmo otiming dun teaser dun produto televisivo. Incluso quen lanzamos produtos con contidos xornalísticos, de entretemento ou promoción de marcas non temos a seguridade do que pode funcionar ou non, e por iso vivimos nunha observación constante de todo o que está a suceder neste ecosistema. A monetización non é directa, senón que estamos a participar nun sistema de plataformas e medios onde todos achegan o espazo no que xorden novos modelos de creación. Por iso tamén é necesario estar atentos a calquera intento de censura ou de coartar a liberdade de proxectos novos. Se unha lei como a do Canon AEDE prospera, e obriga por exemplo a agregadores como Menéame ou Google News a pechar en España, perderemos en riqueza e diversidade de contidos.

  •  EDUCACIÓN DIXITAL

Unha doble visión: a familia dixital ou como educar aos nosos fillos, e a mochila dixital ou como usar Internet como ferramenta escolar. Os resultados de #PISA2012 redundan no que xa sospeitabamos ou no que xa sabiamos: a pedagoxía do século XXI puxo de relevo que non cabe seguir sostendo os supostos do imaxinario industrial e que necesitamos alumnos capaces de buscar información, discernir a súa valía, utilizala criticamente para a resolución dos problemas expostos, discutir colaborativa e construtivamente distintas opcións, desenvolver prototipos como solucións plausibles aos problemas expostos, ser capaces de comunicar publicamente as súas dúbidas e as súas certezas, reflexionar sobre os resultados acadados e aplicalos á mellora dos supostos previos. Alumnos que se fixen obxectivos consensuados de aprendizaxe, que sexan capaces de xestionar o desenvolvemento do seu proceso de aprendizaxe, que confíen en quen lles acompaña (un profesor convertido en mentor e en colaborador), e que resolvan creativamente os problemas aos que se enfrontan. Se a contorna de ensino e aprendizaxe fora así e tanto os nosos espazos e as nosas pedagoxías como os nosos profesores estivesen preparados para iso, quizais puntuaríamos mellor en #PISA2012 e quizais, sobre todo, seríamos capaces de formar verdadeiros emprendedores, sen que o substantivo se reduza únicamente á súa dimensión empresarial. As nosas pedagoxías están ancoradas na memorización e a repetición, e iso non é suficiente para encarar o século en que vivimos. Sabemos, ademais, por se puidese cabernos algunha dubida cincuenta anos despois dos primeiros estudos de socioloxía da educación, que os resultados veñen predeterminados polo capital educativo e socioeconómico dos pais, que adoita herdarse como unha lousa, e que só se levanta, timidamente, cando a contorna escolar proporciona confianza e atención personalizada aos alumnos. Se iso é indiscutiblemente así, a única discusión que deberiamos estar a manter é de que xeito creamos escolas comprensivas, contornas de aprendizaxe en que non se deixe a ninguén atrás, comunidades que presten atención individualizada a cada alumno e contornas cuxa única obsesión sexa a de potenciar as competencias e talentos mediante procedementos de avaliación capaces de valorar a maduración do alumno, non a súa mera capacidade de memorización e repetición.

  •  EMPRENDER EN INTERNET

Cales son os novos negocios e as novas profesións que xerou Internet? Realmente a tecnoloxía crea máis emprego  do que se destrúe? Parece que será difícil xerar máis emprego do que se destrúe noutros sectores de actividade, polo menos a curto prazo. Informes como Doing Business, do Banco Mundial, indican que España está no posto 52 do ránking de mellores países para montar negocios, por diante doutros países latinoamericanos como Colombia. España ten que asumir o seu potencial para desenvolver negocios dixitais que sexan escalables e que funcionen noutros países, xa que Internet non ten fronteiras. Deberíase estreitar a relación con países latinoamericanos para montar negocios globais. Se as Pemes representan o 99,88% das empresas que hai en España, parece que deberían ter unha maior representación social e fomentar o uso das novas tecnoloxías neste tipo de empresas, xa que moitas veces emprender en internet supón menos custos en infraestruturas. Analizamos o concepto de emprendedor dixital e consideramos que debemos evitar trasladarlle a cultura do pelotazo aplicada a Internet. Todo emprendedor, e o dixital tamén, debe ter en conta que unha idea ten que ser desenvolvida cun modelo de negocio e un plan de empresa. Doutro xeito só queda nun proxecto, ao igual que ocorre na “vida real”.#

  • FALANDO DO FUTURO

Estamos todos de acordo en que realizar calquera predición é moi arriscado porque a velocidade á que transcorre o proceso tecnolóxico é brutal. Si está claro que o futuro non necesariamente ten que ser malo, e que se debe traballar na ruptura da fenda dixital. Coincidimos en que a fenda dixital segue a ser enorme, e non é necesario irse aos países en vías de desenvolvemento para atopala. Do mesmo xeito que na época do Quijote moi pouca xente sabía ler, na actualidade camiñamos a distintas velocidades na nosa relación coa tecnoloxía. Aínda que insistimos na nosa cautela ao facer previsións, si consideramos que o futuro probablemente vai encamiñado á desaparición paulatina da visibilidade do soporte, do dispositivo, e a prevalencia do contido. Non debemos demonizar a tecnoloxía, é unha realidade cotiá e falar de adiccións é moi perigoso. Temos moito medo á tecnoloxía e á nosa dependencia dela. Ata agora non puido connosco, non temos perdido a nosa humanidade. O inquietante cara aos próximos anos será a batalla brutal do poder polo control de Internet. Tamén o será a perda da privacidade. Estamos xeolocalizados, sabemos que nos controlan e examinan os nosos perfís. O importante como usuario é saber quen fai uso dos nosos datos, como o fai e para que. Non podemos prohibir que nos rastrexen, pero as leis deben ir encamiñadas a que nos saibamos que uso se fai dos nosos datos.

#