que-e-1

Imaxina un lugar máxico. Todo verde e azul. Desde as grandes cristaleiras da sala, a uns poucos metros vemos un mar en calma, e pegadiñas ás grandes contras verdes, as follas das árbores chegadas do novo mundo, plantadas polos viaxeiros que recalaban en cuarentena antes de tocar o porto de Vigo. E imaxina esa sala tomada ao asalto por cámaras, móbiles, tabletas, ordenadores, focos e plasmas, como nunha viaxe no tempo que leva cada ano á illa de San Simón, unha pequeña xoia varada no medio da ría de Vigo, a outra dimensión, unha realidade paralela na que os novos conquistadores xa non son cabaleiros templarios, son un exército de millóns de bytes.

Iso é Nethinking. A illa virtual. Dous días de retiro nos que influencers, xornalistas, consultores ou investigadores con superpoderes para interpretar o presente e adiviñar o futuro da era dixital reúnense, debaten e as veces incluso discuten sobre un mundo no que todos vivimos instalados pero que era case un descoñecido uns poucos anos atrás.

Unhas sesións brillantes, con ideas e reflexións que xurden a velocidade de vertixe, e que as redes sociais replican para compartir con todos nós eses momentos tan singulares en que algunhas das voces máis sólidas no virtual baixan ao máis terrenal dos escenarios para practicar o máis analóxico que existe: sentarse e falar.

Ese é o encanto dun encontro que cada ano compartimos tamén a través de streaming, de xeito que todas as persoas interesadas en explorar as posibilidades do mundo dixital poidan participar de xeito interactivo.

Vese que a fórmula funciona. Este ano celebramos a sexta edición de Nethinking, e de novo esperamos unha auténtica tormenta creativa da man dos veteranos desta comunidade e tamén das novas incorporacións que cada ano suman valor e calidade a unha cita que ninguén quere perder por moitos motivos: o primeiro o marco, a illa de San Simón (Redondela-Pontevedra- Galicia), o segundo a compañía (un equipo de luxo) e o terceiro o singular formato das sesións: abertas, colectivas, espontáneas e afastadas do sistema tradicional.

que-e-2